Reseña de Daniel Salgado para El País:
RECESIÓN OU COLAPSO? Escola Popular Galega
As prácticas editorias da Escola Popular Galega, colectivo con sede en Vigo, consagran a autoría colectiva e anónima das súas obras -fóra o seu primeiro título, unha escolma de artigos do filósofo Santiago Alba Rico, Todas as guerras. Co’A defesa da Terra e a dialéctica do progresso, a Escola Popular, en coedición coa web Galiza Livre, situouse nas teses de impugnación do crecemento económico e do modo de acumulación do capitalismo, aquelas que entornou Walter Benjamin nos anos trinta.
Agora Recessom ou colapso?, en colaboración co centro social Mádia Leva de Lugo, indaga en como certa tradición marxista analizou as crises. O libro percorre a noción na historia teórica do movemento obreiro e, nunha segunda parte, xunta fragmentos de autores diversos -Marx, Robert Kurz, o galego Felipe Martínez Marzoa ou o autónomo italiano Giacomo Marramao- debatidos polo grupo de estudos do centro social. «É posible reencontrarmos nun certo consenso: os tempos endurécense para todos e todas, e a situación ben merece intensificar colectivamente a reflexión», colocan de entrada.
Reseña de Daniel Salgado para Protexta, suplemento cultural de Tempos Novos:
A defesa da Terra, libro “fruto dum trabalho colectivo e
de horas e horas de discusom” editado pola Escola Popular
Galega e o portal web Galiza Livre, despeza o sagrado
concepto de progreso –subtitúlase A dialéctica do
progresso– e procura unha politización radical da ecoloxía
que opere no movemento de emancipación nacional.
Que a tire da súa actual condición de “lobby da natureza
insertado no marco exacto da lógica que destrúe
a terra”. Texto nado ao abeiro das mobilizacións agrupadas
arredor da rede Galiza Non Se Vende, A defesa da
Terra enceta o cuestionamento dos preceptos básicos da
esquerda galega e impugna a ausencia de autocrítica e
revisión das ferramentas teóricas. E dende as primeiras
páxinas explicita as coordenadas onde van desenvolverse
os seus argumentos: “(…) nom existe nehum conflito,
do tipo que for, desde o afundimento do Prestige
até as condiçons laborais dos traballhadores do metal,
que em si mesmo nom incorpore un problema ambiental
(…) mais ou menos mensurável ou mais ou menos
complexo de definir”. A recuperación que a dereita económica
–a partidaria da propiedade privada dos medios
de produción– efectuou sobre a idea de depredación do
medio, e que o festival Vigo Transforma ilustra na súa
versión de vangarda, obriga a insistir na ineludíbel dimensión
anticapitalista do ecoloxismo: “[O ecoloxismo]
passou de ser a manifestaçom da emergência de umha
contradiçom real do sistema a converter-se na sua necessária
consciência crítica”. Como antídoto, os autores
deste volume optan por se inscribir, aínda sen esmiuzar
a proposta, nun socialismo da interrupción que enlaza
coas teses do grupo Krisis, co decrecemento de Serge
Latouche –didacticamente diagramado no volume de
Carlos Taibo Decrecemento, crise, capitalismo– ou co ecosocialismo
de Michael Lowy. Este último milita no Novo
Partido Anticapitalista francés.
Subjects: 2010, antidesarrollismo, colapso del capitalismo, decrecimiento, ecologismo, Escola Popular Galega